Os produtos agroalimentarios galegos gozan dunha merecida reputación nos mercados de Galicia, e tamén nos de toda España.
No mes de marzo o Concello de Mondariz organizou un acto de apoio aos produtos galegos etiquetados en galego, na praza de abastos da localidade, no entorno da feira que se celebra tódolos domingos na vila. Participamos nesta feira ao redor de 14 empresas que usamos a nosa lingua, o galego, nos nosos produtos; queixos, cafés, chocolates, cervezas, viños, vermús, fariñas, castañas, galegas, carnes, embutidos, etc.
Esta actividade no Concello de Mondariz, é unha máis das desenroladas en Bueu, Ourense, Lalin, etc, que estaba promovida polo Foro E. Peinador – Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros-, baixo o lema de “A Lingua do Padal”, onde se pretende concienciar ao consumidor galego das ventaxas de consumir produtos galegos de calidade etiquetados en galego.
O presidente do Foro Peinador insistiu na necesidade de apoiar a variedade de marcas comerciales que se identifican coa lingua e cultura do noso país. Para nós usar o galego nas nosas etiquetas e marcas (HOXE, NENO, DEZA, NAI, A QUEIXEIRA) ten un significado de orixen, de autenticidade do noso e tampouco tería outra forma de ser.
O consumidor identifica os produtos galegos, como produtos de calidade, vinculados ao noso entorno natural e que xera unha economía socialmente sostible. Consideramos que o consumidor é consciente de que está comprando un produto de cercanía e que está axudando ao mantemento da economía galega.
O presidente do Foro Peinador, Xosé González Martínez, pechou o acto insistindo na necesidade de apoiar as moitas marcas que se identifican coa nosa lingua e cultura. Así mesmo, sinalou que considera que pode significar un valor engadido como garantía de orixe e calidade, e ademais un compromiso que permita a transmisión deste patrimonio inmaterial para as xeracións futuras.