O Museo do Pobo Galego acolleu a presentación do libro “De mouros, mouras e tesouros. A Comarca de Deza” de Xoán Carlos García Porral, publicado por Edicións Fervenza.

Trátase dun estudo sobre o “imaxinario popular” resultado dun traballo de investigación de 15 anos. A obra recompila un total de 516 lendas sobre a mourindade nos concellos da Comarca de Deza –que comprende os concellos de Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces-.

Partes da obra

A obra consta de tres partes definidas. A primeira céntrase nunha introdución xeral á función que ostentan os mouros, as mouras e os tesouros no imaxinario popular galego. Na segunda e máis extensa, reprodúcense as lendas destes concellos baixo orde alfabética das súas parroquias. E, por último, un estudo cuantitativo dos relatos recollidos segundo a súa temática e xeolocalización.

Lendas xeolocalizadas

A maiores, recóllese un anexo cun enlace de Google Maps para poder visualizar as lendas xeolocalizadas segundo a súa temática e identificando cun símbolo distintivo; de xeito que picando nel ou poñendo o nome da parroquia ou o título da lenda no buscador, poderase visualizar a lenda e o espazo xeográfico ao que aparece vencellada.

O autor

Xoán Carlos García Porral (Goiás, Lalín -Pontevedra-, 1974) Obtivo o grao de Doutor en Antropoloxía Social pola USC cunha tese sobre a modernización do rural mantendo a tradición cultural. Conta cun Máster en Técnicas de Xestión Integral do Patrimonio Cultural polo CSIC e a USC. A súa actividade investigadora céntrase na difusión do patrimonio histórico-cultural da Comarca de Deza.

De mouros, mouras e tesouros. A Comarca de Deza
De mouros, mouras e tesouros. A Comarca de Deza

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou o autor lalinense no acto de presentación do libro, destacou “os quince anos de esforzo investigador competente e serio que están detrás desta obra”, que considerou “un traballo fundamental para o coñecemento da literatura popular en lingua galega, pero tamén para a comprensión da chamada toponimia lendaria e da nosa cultura en xeral”.

Ademais do secretario xeral e do autor, na presentación do libro interviñeron Miguel Villar, empresario e presidente da Fundación Amigos de Galicia; Xosé Manuel González Reboredo, antropólogo; Matías Rodríguez da Torre, profesor e escritor; Lorena Recimil e Bernardo Insua, ambos os dous, ilustradores e Lito Andión, xerente da nosa Cooperativa.

Durante a súa intervención Lito señalou que “dende HOXE queremos apoiar a nosa literatura a nosa lingua e aos novos talentos da nosa terra. Por iso realizamos uhna pequena pero necesaria achega á sociedade galega”