Queixo Arzúa-Ulloa

Cooperativa HOXE é unha queixería que forma parte da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa.

Unha Denominación de Orixe Protexida (DOP) é un tipo de indicación de procedencia, aplicada a un produto alimenticio, a calidade e as características débense fundamentalmente ao medio xeográfico no que se produce, transforma, elabora e/ou envasa. Protexe estes produtos alimentarios doutros similares producidos noutras rexións onde se substitúen algunhas das etapas da elaboración por outras técnicas industriais, ou se cambian algunha das materias primas por outras de características semellantes.

Os produtores que se acollen a unha Denominación de Orixe comprométense a manter a calidade do produto ao máis alto nivel posible e a usar técnicas básicas tradicionais de elaboración.

Os consellos reguladores son organismos reguladores públicos. Encárganse de autorizar, controlar e avalar a calidade dos produtos desa denominación de orixe.

Con esta cualificación garánteselle ao consumidor non só un nivel de calidade constante, senón tamén o mantemento de características específicas e irrepetibles que non posúe un produto similar elaborado noutra rexión ou con outras materias primas.

Arzúa Ulloa no corazón de Galicia

A zona de produción do leite para a elaboración dos queixos acollidos á DOP Arzúa-Ulloa comprende 32 concellos dun territorio xeograficamente situado no interior da parte central de Galicia. Os concellos que forman parte da DOP Arzúa-Ulloa localízanse nas provincias da Coruña (16), Lugo (9) e Pontevedra (7).

A nosa queixería está situada no concello de Lalín, na Comarca de Deza e por aquí pasan peregrinos que fan o Camiño de Santiago, concretamente conflúen os Camiños da Ruta Sanabresa ou Vía da Prata, así como o Camiño do Inverno.

Queixo Arzúa-Ulloa HOXE con Denominación de Orixe Protexida

Para a elaboración do queixo amparado por esta denominación empregarase leite fresco enteiro, procedente da muxidura de vacas das razas rubia galega, frisona ou parda alpina, ou das súas cruces. As explotacións deben estar saneadas e inscritas nos rexistros da denominación de orixe. As condicións edafoclimáticas destas zonas de produción da DOP Arzúa-Ulloa son óptimas para o desenvolvemento de praderías naturais e cultivos forraxeiros, que tradicionalmente sustentaron unha importante cabana de gando dedicada fundamentalmente á produción de leite. Tamén está autorizada a elaboración da variedade Arzúa-Ulloa curado, sempre que se cumpran as características acordadas polo Consello Regulador.

Características organolépticas do queixo Arzúa-Ulloa

Codia: fina e elástica, de cor amarela, brillante, limpa e lisa.
Pasta: de cor uniforme, entre branca marfil e amarelo pálido, de aspecto brillante, sen gretas, podendo presentar ollos en números reducidos, pequenos, angulosos ou redondeados e de distribución irregular.
Cheiro: lácteo, a manteiga e a iogur, con matices de vainilla, nata e noz, de intensidade débil.
Sabor: O seu sabor o leite, lixeiramente salgado e de acidez media a baixa.

Características físicas do queixo Arzúa-Ulloa

Forma: lenticular ou cilíndrica, cos bordos redondeados.
Peso: entre 0.5 e 3.5 kg
Dimensións: diámetro comprendido entre 100 e 260 mm. e unha altura entre 50 e 120 mm. En ningún momento a altura poderá ser superior ao radio.

Características fisicoquímicas do queixo Arzúa-Ulloa

Porcentaxe de materia graxa sobre extracto seco: 45 % mínimo.
Porcentaxe de proteína sobre extracto seco: mínimo de 35 %. PH: de 5,0 e -5,5.
Porcentaxe de auga en materia non graxa: entre 68% e 73 %.

Etiquetas

Os queixos comercializados ao amparo da Denominación de Orixe con destino ao consumo, tras obter a súa certificación como aptos de acordo coas prescricións do regulamento e do Manual de Calidade, levarán unha contra etiqueta de codificación alfanumérica e numeración correlativa que incluirá o logotipo da denominación.

O Consello regulador da Denominación de Orixe, é o organismo que avala e autoriza a exhibir esa cualificación aos produtores que cumpren con esas regras establecidas. A cualificación garante ao consumidor un nivel de calidade constante e tamén o mantemento de características específicas únicas as cales non posúe outro produto similar producido noutra rexión. Nestes momentos, ano 2018, a nosa queixería forma parte do actual Consello Regulador da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloahttp://www.arzua-ulloa.org/ como membro vogal. Se queres ampliar a información sobre o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Queixo Arzúa Ulloa, pódelo facer na seguinte ligazón: Arzúa-Ulloa Denominación de Orixe Protexida (DOP)