Os expositores de calquera dos centros comerciais que atopamos en Galicia están cheos de produtos foráneos, de outras rexións ou mesmo de outros países.
O baixo custe do transporte e a orixe e procedencia dos propios supermercados fixo que hoxe en día sexa posible mercar moitas variedades, sabores e formas a prezos moi dispares.
Nestes tempos da globalización temos produtos tan variados e diferentes que nos deixan abraiados tanto pola súa procedencia como pola forma de elaboración ou mesmo polos seus sabores.
Agora ben, esta oferta tan variada e rica de sabores e procedencias fan que ás veces non sexamos sabedores do noso poder como consumidores.
A nosa decisión á hora de mercar ten o poder de transformar a nosa sociedade, o poder de decidir que queremos que se manteña no tempo e que perdure e o que queremos deixar esmorecer.
Preto de nós temos unha economía rural galega moi necesitada de apoio, unha sociedade rural avellentada e que loita en desvantaxe contra unha sociedade de consumo urbana con recursos económicos cada vez máis escasos.
Os consumidores dispoñen cada vez de menos cartos para encher a cesta, o prezo pasou a ser o principal motivo da decisión de compra.
O consumo masificado e do barato non dá para manter o esforzo dos nosos gandeiros e que poidan manter as súas explotacións agrarias.
E aquí entra o consumo social responsable, consumindo produtos de proximidade estamos preservando un modelo de produción respectuoso co medio ambiente, sustentable, estamos dándolle forza á economía galega e dándolle valor ó traballo das familias de gandeiros galegos.
Os nosos produtos galegos son de proximidade, de calidade e sustentables e o teu apoio é darlle un futuro a esta terra nosa, Galicia.
Cando vaias mercar pensa, a túa decisión é moi importante.