Queixería HOXE recibe o premio Bacelo de Prata na XI edición da Asociación Álvaro das Casas

No mes de outubro, Queixería HOXE foi galardoada cun dos Premios Bacelo de Prata na XI edición organizada pola Asociación Álvaro das Casas, un recoñecemento ao compromiso coa lingua galega e coa responsabilidade social corporativa.

Xurado do premio Bacelo

O xurado estivo composto por:

  • Cloidio González Pérez, vicepresidente da Asociación Álvaro das Casas

  • Xosé Carballido Presas, Técnico Facultativo da Consellería de Medio Rural

  • Xosé González Martínez, presidente do Foro Peinador

  • Celso Domínguez, colleiteiro

  • Francisco Novoa Rodríguez, empresario

  • Cándido Azaque Mosquera, hostaleiro

O xurado destacou a traxectoria de HOXE como empresa que, durante máis de 20 anos, incorporou o galego no etiquetado e publicidade de todos os seus produtos, así como o seu firme compromiso coa responsabilidade social corporativa.

Compromiso coa lingua galega e a sustentabilidade

O xurado valorou tamén que a empresa apoia iniciativas culturais, deportivas e editoriais, mantendo un compromiso constante coa lingua galega, un elemento esencial para subliñar a orixe dos seus produtos.

Lito Andión, xerente de HOXE, agradeceu á Asociación Álvaro das Casas a súa labor na promoción e defensa da lingua galega. Tamén recoñeceu aos consumidores galegos o seu apoio, sinalando que ao comprar produtos etiquetados en galego, están contribuíndo á economía sustentable de Galicia e ao mantemento da riqueza social xerada pola empresa.

Premios Bacelos: orixe e obxectivos

Os Premios Bacelos de Prata recoñecen aos colleiteiros e adegueiros que utilizan a lingua galega no etiquetado e publicidade dos seus produtos, seguindo a visión de Álvaro das Casas reflectida no Manifesto da UCRA de 1936. Estes premios buscan impulsar a galeguización dun sector fundamental para a economía galega.

Álvaro das Casas: legado galeguista

Álvaro das Casas combinou a súa labor intelectual, con máis de 60 publicacións, coa organización social e política, participando na candidatura do Partido Galeguista ás Cortes españolas xunto a Castelao e Alexandre Bóveda.

Destaca a creación de “Ultreia”, a organización xuvenil galeguista máis importante da época, que mobilizou a miles de mozos para promover a conciencia galeguista e poñer en valor o patrimonio arqueolóxico, cultural e paisaxístico de Galicia.

En 2003, a Fundación Premios da Crítica Galicia e a Asociación Álvaro das Casas organizaron un acto de recoñecemento a este intelectual no seu pazo de Esposende, Ribadavia, iniciando oficialmente a actividade da Asociación.