Premios Barcelos de Prata

Premios Bacelos de Prata

Neste mes de outubro os membros do xurado da Asociación Álvaro das Casas concedéronos un dos premios Bacelos de Prata, na súa XI edición.

O xurado estivo composto por Cloidio González Pérez, Vicepresidente da Asociación Álvaro das Casas; Xosé Carballido Presas, Técnico Facultativo da Consellería de Medio Rural; Xosé González Martínez, Presidente do Foro Peinador; Celso Domínguez, colleiteiro; Francisco Novoa Rodríguez, empresario e Cándido Azaque Mosquera, hosteleiro.

O xurado resaltou que a Cooperativa Hoxe é unha empresa que ven apostando fai mais de 20 anos pola inclusión do noso patrimonio lingüístico na etiquetaxe de todas as súas marcas así como na publicidade dos seus soportes. Así mesmo, sinalou o xurado que, a queixería ten asumida a filosofía da responsabilidade social corporativa, apoiando economicamente iniciativas de diversa índole como actividades deportivas, publicacións, etc… O xurado tamén valorou moi positivamente a permanencia do compromiso coa lingua nun espazo fundamental para acentuar a orixe dos nosos produtos.

Lito Andión, xerente de Queixos HOXE, agradeceu á Asociación Álvaro das Casas a súa labor na promoción, divulgación e defensa da nosa lingua e aos consumidores galegos a súa responsabilidade social porque canda mercan un produto galego e etiquetado en galego, están mercando un produto de calidade que está xerando unha riqueza social sustentábel e está contribuíndo o mantemento da economía galega.

Premios Bacelos de Prata

Os premios Bacelos de Prata que foron constituídos para premiar o esforzo daqueles colleiteiros e adegueiros que utilizan a lingua galega na etiquetaxe e publicidade dos seus viños, tal e como Álvaro das Casas pretendía no ano 1936 co Manifesto da UCRA. A asociación pretende con estes premios impulsar o proceso galeguizador nun sector fundamental na economía de Galicia.

Álvaro das Casas

Fundador de revistas, partidos e asiduo colaborador dos medios de comunicación da época, Álvaro de las Casas soubo combinar o labor intelectual de creador, concretado en máis de sesenta publicacións, co de organizador social. Participou activamente dende o Partido Galeguista na candidatura electoral ás Cortes españolas compartindo candidatura con Castelao e Alexandre Bóveda. Pero o labor máis meritorio e singular de Álvaro de las Casas foi promove-la creación da organización xuvenil galeguista máis importante de tódolos tempos. “Ultreia”, que así se chamaba o movemento, pretendeu mobilizar a máis de tres mil afiliados nos centros de ensino de Galicia, tinguíndoos de conciencia galeguista, para poñer en valor o inmensario patrimonio arqueolóxico, paisaxístico e cultural galegos. Moitos dos entón mozos, co tempo chegaron a ser destacados homes do galeguismo cultural e político, D. Xaime Isla Couto e D. Francisco Fernández del Riego son dous bos exemplos.

O seu hiperactivísimo cultural recoñéceo Ramón Otero Pedrayo na súa obra “O libro dos amigos”, ou autores máis recentes en biografías e estudios de carácter histórico. Aínda así, Álvaro das Casas é un personaxe descoñecido polas novas xeracións de galegos. Mesmo no grupo dos máis preocupados polo coñecemento da historia política.

No ano 2003 A Fundación Premios da Crítica Galicia e a Asociación Álvaro das Casas, promoveron o día 8 de marzo de 2003 un acto de recoñecemento a tan egrexio intelectual e galeguista no que fora o seu pazo, en Esposende, concello de Ribadavia, iniciándose, nese momento, a andaina da Asociación das Casas.

Comments are closed.